02 setembro 2010

Norte de Portugal, acorda!

Ánxelo González Vicente (igadi.org, 08/2010)


Pedro Baptista, un dos líderes do Movemento Pro-Partido do Norte e antigo deputado do Partido Socialista, nunha recente entrevista en Porto Canal.
Desde o pasado mes de maio, está a abrirse paso no Norte portugués un movemento insospeitadamente vigoroso, que pretende defender os intereses dese territorio galaico (termo tan lexítimo neste caso como o de luso, pero penso que máis pedagóxico para nós) perante as tendencias centralistas de Lisboa, que o marxinan dun modo sistemático e que se materializaron de modo exacerbado co caso da introdución de portaxes nas SCUT do Norte. O Movemento Pro-Partido do Norte está a contar coa adhesión crecente de moita xente nova até agora non activa politicamente e mesmo con personalidades e militantes de base dos diversos partidos portugueses. Achega unha novidade fulcral en relación a ensaios anteriores: a disposición de converterse en partido político que lle permita coñecer mellor as súas forzas e, no mellor dos casos, levar a voz do Norte á Asemblea da República de Lisboa. Quen sabe se mesmo ao Goberno algún día.

O outro grande obxectivo do Movemento consiste en concretizar, por fin, unha rexionalización político-administrativa permanentemente adiada e prevista na mesma Constitución da República. E aquí cómpre advertir: haberá de considerarse fracasado o Movemento se non consegue este último obxectivo. Sen dúbida, a voz do Norte en Lisboa será importante e positiva, mais claramente insuficiente. O Norte de Portugal non pode perder a oportunidade histórica que este Movemento e a consciencia identitaria territorial que o provoca e sustenta lle brindan para crear uns poderes executivo e lexislativo propios.

Cando un territorio que se identifica a si propio como tal, sexa como rexión, como nación ou como continente; carece da capacidade de tomar decisións propias nos asuntos que lle afectan, sendo estas adoptadas por instancias alleas, a vontade dese territorio está a ser anulada. Ao igual que acontece aos individuos en situacións semellantes, ese territorio acabará interiorizando a súa dependencia e a súa incapacidade e, deste modo, ficará eivado de forzas creativas que non só redundarían no seu propio beneficio, senón no de quen o rodean. Isto ocorrerá por dúas tendencias que podemos explicar aplicando ao caso concreto que aquí abordamos: dun lado, ao erguerse Lisboa como a garante dos intereses do país todo, haberá quen teña a tentación de, perante as dificultades, pedir axuda á Grande Irmá en vez de tentar xerar solucións propias (mentalidade esmoleira); doutro lado, quen optar por xerar ideas de políticas propias acaídas para se atinxir un maior e mellor desenvolvemento territorial, ao chocar co filtro de instancias con intereses diferentes, que moitas veces suporán un obstáculo definitivo á súa concreción, irá caendo na frustración, no esgotamento creativo, na rendición, quizá mesmo nunha sorte de depresión colectiva que se materializará na infravaloración do propio e no non aproveitamento de oportunidades.

Un Executivo e Lexislativo propios para o Norte han de ter dúas misións fundamentais. Unha defensiva, destinada a evitar novos abusos do Sur. A outra, creativa, destinada a liderar as institucións rexionais e os axentes da sociedade civil no camiño dun desenvolvemento fundamentalmente endóxeno e sustentable.

Nesta segunda dimensión de traballo terían un peso preponderante as relacións con Galicia. E non só para aproveitar eventuais fondos europeos. Os intereses comúns, aínda lonxe de teren sido convenientemente estudados e delimitados, van sen dúbida moito para alén do intuído e aproveitado até agora.

A vella Gallaecia, con capacidade decisoria propia, pode constituírse nun polo de desenvolvemento notable, xerador de benestar para a poboación propia e xerador de produtos, servizos e ideas de proveito para o exterior.

Ângelo Gonçalves Vicente,

vicedirector do Igadi.

Sem comentários:

Enviar um comentário