01 agosto 2010
Sandra González Álvarez, alcaldesa de Tomiño: "As decisións importantes para Galiza séguense a tomar en Madrid"
Sandra González Álvarez, alcaldesa nacionalista de Tomiño, concurre no número seis na candidatura por Pontevedra do BNG ó Congreso dos Deputados. Valora a importancia destas eleccións xerais, nas que non dubida que "o éxito acadado polo BNG nas municipais en Tomiño, vai a ter unha influencia positiva sobre o resultado" neste municipio ribeireño e miñoto.
-¿Qué supón para vostede formar parte da candidatura nacionalista ás eleccións xerais?
-Unha honra e unha responsabilidade que os compañeiros e compañeiras pensaran en min para ir na lista por Pontevedra. Para o BNG, estas eleccións son tan importantes como as galegas do ano que vén, porque, aínda que nós quixeramos que fose doutra forma, moitas decisións importantes para Galiza séguense a tomar en Madrid, e é importante que o BNG decida alí. Os deputados e deputadas nacionalistas no Congreso servirán para garantir o apoio ao noso autogoberno para que alcance o nivel que teñen xa vascos e cataláns, así como para evitar políticas reaccionarias como as que promove o Partido Popular.
-¿Pensa que o feito de que vostede sexa candidata fará que se "dispare" o número de votantes tomiñeses nas xerais?
-O éxito acadado polo BNG nas pasadas eleccións municipais en Tomiño vai ter unha influencia positiva sobre o resultado destas eleccións. Ademáis se fomos capaces de levar adiante un cambio que parecía imposible despois de tantos anos, estou segura que tamén seremos capaces de cambiar moitos estereotipos respecto destas eleccións xerais.
-¿Cal será a mensaxe electoral que escollería para achegarse ós votantes do Baixo Miño?
-Estamos convencidos de que a xente se percata cada vez máis de que un BNG forte en Madrid é moi útil para defender os intereses de Galiza e polo tanto moi importante para a comarca do Baixo Miño. Temos que ser conscientes de que se o goberno central do PSOE inviste en Galiza é porque necesitou o apoio do BNG en votacións decisivas. Polo tanto é fundamental estar ben representados para ter capacidade de decidir.
- ¿Qué aportaría á zona contar con Sandra González como deputada nacionalista nas Cortes xerais?
-Ben, sería un excesivo optimismo pensar que o BNG vai obter seis representantes, pero polo noso traballo non vai quedar. A presenza do BNG en Madrid xa se notou nos investimentos do Estado en todo o país, e tamén na provincia de Pontevedra nos tres últimos anos. Por exemplo, os dous últimos exercicios orzamentarios contaron con partidas do Estado para agricultura, grazas ás negociacións que fixeron Olaia Fernández Davila e Francisco Rodríguez, que xestionou directamente a consellaría de Medio Rural, en concreto 10 millóns de euros o 2007 e 15 millóns para o 2008. Nunha comarca como a nosa, onde a agricultura ten un peso importante, iso é algo que temos que manter e mellorar.
(...in farodevigo.es)
Eu como Residente na Galiza creio que o Bloque nacionalista Galego seria um modelo a seguir!
ResponderEliminar